miércoles 18 de noviembre de 2009

Na cidade da pedra non sempre chove, e hoxe menos.
Son rastros no aire os que fan que saia o Sol.
Son esas notas de cor no vento as que moven as árbores sen follas, movendo o tempo ao seu compás.
E hoxe, máis que nunca, as pedras cantan alegres.
Saben que choverá, pero o que importa neste momento é que xa nada é o mesmo, que todo cambiará, que o inverno vai chegar... pero o verán tamén, de novo.
E todo segue un mesmo ciclo.
Porque esas notas espontáneas de cor no vento fan que isto sexa así.

Non ser o mesmo é o que é.


jueves 5 de noviembre de 2009

O certo é que ninguén sabe como. Mais chegou.
Traía posto un abrigo de inverno, e mais un paraugas, porque xa sabía de antemán que tanto o frío coma a choiva ían vir.
Trouxo unha maleta marrón de coiro, antiga. Sabíase que fixera xa moitas viaxes como aquela, pero cada unha diferente da anterior.
Abriu o vulto enriba da cama, e puiden ver que estaba cargado de follas, algunhas amarelentas do tempo que pasou, e outras que se vían novas, recentes.
Aquel era o poeta do tempo. O escritor de liñas de vento e de auga, de historias a carón do lume e de abrazos abrigados por si mesmos.
Contaba siseando onde estivera e con quen se topara. Contoume viaxes que resultaron interesantes, outras que foron aburridas, e outras que pasaron case desapercibidas. Sabía -el mesmo o dicía, por propia experiencia- que non era ben recibido en case ningunha parte...

Foi de casualidade que lle abrimos a porta. Estabamos a facer a limpeza do local cando petou lenemente. Viña ben vestido, e todo parecía normal. Sabía que ía vir; xa era un cliente habitual por aquelas épocas do ano...

Pero ata que me acostumei a velo non me din conta de que estaba alí. Erguíase cedo, almorzaba coma sempre e comía coma sempre. Os seus horarios eran os habituais e todo parecía normal.

E ata aquel día non caín de que aquel viaxante que vía dende había anos era o de sempre.

Era o outono.
Pero desta vez, entrara pola porta de atrás.

sábado 31 de octubre de 2009

Plas!

Recorro as mesmas rúas polas que paso sempre, unha e outra vez, e non atopo nada. Nada é diferente, e todo segue como tiña que ser.
Lembro aquel día no que botei a andar por encima duns adoquíns que semellaban darme a razón e hoxe sinto algo similar, como se me quixeran dicir o mesmo, pero nun dialecto diferente.
A pesar disto, continúa todo como tiña que ser.
Todo o que se ve, quero dicir.
A xente, o tempo, as rúas, as árbores, os lugares e as estrelas. Pouco cambiaron. O bater das andoriñas cando se van, as ondas do mar e a escuma que deixan na area ao pasar continúan a ser as mesmas.
Así que debería deixar de sentirme diferente.
E continuar igual que antes.

lunes 19 de octubre de 2009

Berros silenciados no vento

Coma un fío que ao estirar se anoda el só, comeza como comezan outros tantos a ennovelarse en si mesmos, ata que se dan conta de que os fíos non poden ennovelarse.
Dez mil segundos pasan en tres horas, que curioso é o tempo, no que cada medida é diferente á anterior e cada número semella alonxarse máis e máis da realidade...

Coidado coa matemática temporal, porque case nunca sae exacta. Non garda da Lóxica a metade de lóxica que ésta poida ter, nen garda da matemática a cuarta parte da exactitude que da o tempo...

O tempo é demasiado exacto para un pensamento tan inexacto coma o humano.

Por eso sempre nos perdemos no intento de atoparnos.

martes 13 de octubre de 2009

Areas nos pés

Sae o Sol, coma todos os días, detrás dos edificios de sempre, mirando o asfalto habitual.
Que curioso que nada se mova... e non obstante, parece un día tan diferente...
Porque estamos en outono, e as follas xa comezaron a caer.

E teño area nos pés?


Noticias Pasadas: os vidros escacharon en anacos. Aurora no norte, e no sur.

lunes 28 de septiembre de 2009

Vidros

(Todo caos, todo tolo)
Coa cabeza no piano (enténdase baixo a tapa, amartelando os ecos non discordes), míster distribúese elegante e irregularmente mentres a música non deixa de soar.

A miles de quilómetros, pola contra, unha bola de cristal esnaquízase en mil pedazos.
É precioso, e doloroso. Tanto un coma o outro, porque se igualan na loita sanguenta por un anaco de algo que aínda non saben o que é.
Coma miles de estrelas, están aí, están no chan.
A uns centímetros uns dos outros, todos xuntos, iguais.
Pero ninguén sabe por que, nin ninguén se pode explicar como eses trozos non se xuntan, formando algo novo.

Un arco, de novo no punto inicial, de aplausos rompen o silencio dos martelos no seu cráneo.